A deriva do Partido Socialista Español

 

Por Pablo Otero, nosso amigo e camarada, natural da Corunha, Galiza, antigo militante no Partido Socialista Obrero Espanol, e actual militante no partido ecologista EQUO.

 

‘Non nos falles, non nos falles!’ lle gritaron a Zapatero a noite eleitoral en marzo de 2004 cando o PSOE gañou as eleccións. Moitos recordamos esta frase berrada por centos de simpatizantes e militantes, co desexo de que Zapatero levase a cabo as políticas prometidas na campaña e cambiase a forma de facer política en España. E non fallou. Nas seguintes elecións, en 2008, Zapatero revalidou mandato con máis apoio, conseguindo máis de 11 millóns de votos.

 

Outra película é a da segunda lexislatura (2008-2011), eclipsada pola crise económica. Xa polo mesmo 2008 a crise empezou a dar os seus primeiros coletazos, pero as políticas sociais seguiron a súa expansión para apoiar aos máis febles. Iso é o que esperábamos dun Presidente socialista. Pero todo acabou coa súa comparecencia do 10 de maio de 2010, na que Zapatero, no Parlamento español, anunciou os que foron ata ese momento os recortes máis importantes na historia de España: baixada un 5% dos salarios aos empregados públicos, suspensión da revalorización das pensións, eliminación das axudas ás natalidade, recorte no gasto farmacéutico e axuda ao desenvolvemento etc… ben é certo que estes recortes non son comparables aos que está levando a cabo o goberno conservador de Rajoy, moito máis inxustos coas clases baixas e medias. E tamén é certo que Zapatero levou a cabo una exemplar política social na primeira lexislatura que mellorou con creces o Estado de Benestar. Pero como sabemos, non se perdoan os recortes se os fai á esquerda, incumprindo o programa eleitoral.

 

Estes e outros posteriores recortes, a reforma da ‘intocable’ Constitución sen referéndum e un abandono ao impulso das políticas sociais contribuiron paulatinamente ao descontento dos votantes socialistas. Cabe destacar que as eleccións de 2008 significaron o maior apoio ao bipartidismo da democracia. PP (conservadores) e PSOE conseguiron nesas elecións o 83.81% dos votos. Dende o primeiro momento da lexislatura, primeiro pola crise (o paro incrementábase coma nunca) e logo polos recortes do Goberno central e os autonómicos, contribuiron á perda de apoio ao PSOE. De feito, nas eleccións europeas de 2009 o PP gañou por primeira vez unas elecións ao PSOE dende 2004. A deriva electoral socialista continuou coas elecións locais e autonómicas de maio de 2011 nas que o PSOE perdeu o goberno de todas as comunidades e as principais cidades do país. Un factor fundamental desa perda de poder foi o Movemento #15, os dos ‘indignados’. O 15M (15 Maio, día da primeira gran convocatoria unha semana antes das eleccións) é un movemento cidadá que consiste en protestas pacíficas por todo o país reclamando una democracia máis xusta e participativa. O descontento cos partidos tradicionais, as concesións á banca e as grandes empresas así como unha reforma da lei eleitoral son os motivos principais do movemento. Tamén se esixe unha auténtica división de poderes (xudicial, lexislativo e executio).

 

O Partido Socialista afrontou o 15M cun gran respecto, mesmo moitos dos seus simpatizantes (a mocidade especialmente) secundaron as protestas. Sen embargo, o movemento ten ao bipartidismo como o seu modelo a combater. Mesmo dun dos lemas é ‘Non nos representan’, referíndose ao PP e PSOE. Sexa como fora, o PSOE foi o máis perxudicado coas protestas, posto que conseguiron que moitos antigos votantes non se viran representados co PSOE. O PP, sen embargo, saiu reforzado destas eleccións, xa que consegue mobilizar (coma sempre) aos seus votantes e mesmo captar novos apoios.

 

A simple vista, co mapa das cidade e autonomías, é que España deixa de ter parlamentos bipartidistas para telo monopartidistas. A victoria do PP non tivo precedentes. Pero a concentración de poder do PP non remata aquí.

 

Coa gran derrota do socialismo e o aumento de outros partidos de esquerda (Izquierda Unida, principalmente), o PSOE perde unha gran oportunidade de renovación e acercamento ás bases e a cidadanía. Non renova a cúpula nen as ideas. Mesmo non se celebraron primarias ao non presentarse a Ministra de Defensa Carme Chacón, ben valorada nas enquisas, por presións internas. Non hai, por tanto, un desexo de cambio e renovación.

 

Despois disto, e como se comentou anteriormente, o PSOE pacta de forma unilateral modifica-la Constitución por primeira vez, e sen consulta previa dos cidadáns, e na que se establece a estabilidade orzamentaria. Isto alimenta ao movemento do 15M así como un maior descontento aos partidos tradicionais.

 

O PSOE leva dende a segunda lexislatura distanciándose da cidadanía, que non encontra nos socialistas unha opción para acabar coa crise. Isto vese sobre todo reflexado nas eleccións nacionais do 2011, na que o anterior Ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba (ben valorado nas enquisas), consegue o peor resultado da súa historia. Tan só o 28% da poboación vota ao PSOE, e obtén 110 diputados fronte aos 169 de Zapatero en 2008. O bipartidisimo retrocede ao 73.39% e crecen os partidos pequenos. O partido de centro UPyD crece exponencialmente, IU dispárase e un novo partido ecoloxista pro-europeo, EQUO, consegue 350.000 votos mais non acada representación polo sistema eleitoral non proporcional que temos en España. O Partido Popular consegue a maior concentración da historia da democracia con maioría absoluta no goberno central, a meirande parte das autonomía, vilas e deputacións. España é azul.

 

O caso é que, despois das elecións, ábrese un proceso de renovación no PSOE a todos os niveis (federal, nacional e local) Mais neste caso tampouco se leva a cabo dita renovación. A pesares da gran perda de apoio, Rubalcaba preséntase candidato para ser o Secretario Xeral do PSOE e compite co Carme Chacón, quen perde por escasos votos. Estas primarias non foron abertas á militancia. Votaron só delegados.

 

Logo da victoria de Rubalcaba, os seus aliados fanse con case todas as federacións socialistas de todo o Estado. En Galicia especialmente temos o mesmo caso de que os renovadores perden por un estreito marxe. Pachi Vázquez, o Secretario Xeral do Partido dos Socialistas de Galicia gaña por poucos votos e comeza unha ‘limpeza’ do partido. Sácase de en medio a deputados e cargos xoves e críticos coa súa xestión. Promete primarias para elexir candidato do PSdeG á Xunta de Galicia mais cando toca facelo, non se fai. As listas electorais á Xunta das catro provincias galegas incorporan soamente candidatos próximos a súa xestión e afasta a deputados ben valorados pola cidadanía. O caso máis comentado foi o de do deputado J.M. Lage, o deputado galego máis activo do Parlamento e un dos deputados máis respaldados pola militancia.

 

Isto son tan só algunhas das cousas que levan ao Partido Saocialistas a convertirse, de seguir así, nun partido sen opción de goberno. O PSOE deixou hai tempo de ser unha alertativa ao PP. Nas últimas enquisas, o Partido Socialista apenas supera en intención de voto o 20%. Un partido que non escoita a súa militancia non é capaz de escoitar á cidadanía. E o PSOE é, desgraciadamente, un destes partidos. E todos, os militantes do PSOE ou os que o facemos noutros partidos progresistas, necesitamos dun PSOE forte e de esquerdas. Un PSOE como o de antes e do que confiamos hai tempo e do que xa non podemos confiar.

Advertisements